A Festa da Terceira Idade do Concello de Mos chegou este ano á XXVIII edición que, como sempre, resultou ser multitudinaria
Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores, chegou este ano á súa vixésimo oitava edición que se celebrou onte co habitual éxito de afluencia.
O Concello de Mos organizou un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebrou en Costoias, parroquia de Tameiga, cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Este ano a celebración cumpriu a XXVIII edición e contou coma sempre coa asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumprían as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, acompañados dos seus familiares e amigos.
A emblemática festa gozou como cada ano dun éxito rotundo. Está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 37 parellas de todo o municipio, un total de 74 persoas.
Das parroquias de Tameiga e Mos procedía o grupo máis numeroso, de 6 matrimonios en cada unha, de Louredo eran 5, Dornelas 3, Petelos 5, Pereiras 3, Guizán 3, Torroso 2, Sanguiñeda 2 e Cela outros 2.
Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.
O festexo iniciouse ás 12.00 h da mañá cunha Misa Cantada pola Coral O Son dos Cantares (seguida de procesión) na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 h a Banda de Música Xuvenil de Torroso deu un concerto e ás 14.00 h comezou o aperitivo campestre gratuíto para tódolos asistentes. Os matrimonios homenaxeados tamén foron convidados polo Concello ó xantar que foi ás 14.30 h.
Coa sobremesa, ás 16.00 h, chegou a actuación musical do grupo KOMOAYER e a entrega de agasallos ós homenaxeados.