O Concello solicitou tamén outro Obradoiro de Emprego, un Plan Integrado de Emprego e 7 cursos AFD
O Concello de Mos ven de recibir da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a comunicación da concesión dun novo Obradoiro de Emprego enmarcado baixo o título de “Mos coa Mocidade II” e que conta cunha subvención autonómica de 154.262,40 €. Trátase dunha acción destinada a desempregados/as maiores de 18 anos ata os 30 anos e que estean incluídos/as no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
O novo Obradoiro incluirá dous grupos integrados por 8 alumnos/as-traballadores/as cada un e cada un dos grupos corresponderase con unha das dúas especialidades que se impartirán e que son: traballos de carpintería e moble // instalación de elementos de carpintería. Nivel 2. (8 prazas). E desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web. Nivel 3. (8 prazas).
Durante o Obradoiro, de seis meses de duración, os alumnos-traballadores participantes, terán un contrato de aprendizaxe e recibirán un soldo, ademais de obter un certificado de profesionalidade (titulación oficial, que acredita as competencias aprendidas ao longo do Obradoiro e lles permite acceder ao mercado laboral con unha maior posibilidade de inserción).
Ademais da inminente posta en marcha deste Obradoiro o Concello de Mos, ten solicitadas na Xunta outras accións en materia de emprego que permitan á administración local continuar coas políticas de redución da taxa de desemprego no municipio e que tan bo resultado están a dar. Trátase doutro Obradoiro de Emprego (o “Mos Rehabilita II”), dun novo Plan Integrado de Emprego (PIE) e de 7 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados).
O Obradoiro “Mos rehabilita II”, tería unha duración de 9 meses e para a súa realización o Concello solicitou unha axuda de 288.807 €. Iría destinado a un total de 20 alumnos-traballadores e contaría don dúas especialidades: albanelería e forestal-xardinería.
Por outra banda o Plan Integrado de Emprego contempla accións de información, orientación e esesoramento, formación transversal en novas tecnoloxía e/ou idiomas, sesións con técnicos de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea; traballo de habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento de capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes, formación para o emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctica das acción formativa e talleres de mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos disponibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (red Eures).
Este PIE levaría por título IV Programa Integrado de Emprego Mos 3.0.1. e para a súa realización solicitouse unha axuda autonómica de 250.000 €. Pola súa banda o Concello cofinanciaría a acción para cubrir o orzamento total da mesma que ascende a 313.266,49 €. Os destinatarios serían 100 persoas desempregadas do Concello de Mos.
Por último as 7 Accións Formativas dirixidas Prioritariamente ás Persoas Traballadoras Desempregadas – AFD solicitadas polo Concello de Mos son: Xestión comercial de ventas, Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG ( 2 cursos), Dinamización comunitaria, Docencia para a formación profesional para o emprego, Mercadotecnia e compraventa internacional, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucions sociais. O importe total da axuda para estes cursos ascendería a 425.366,70 €.
De recibir todas as subvencións solicitadas, estas ascenderían a 1.118.436,10 € e Mos investiría 1.181.702,50 € (contando coa aportación municipal para o Plan Integrado de Emprego) en accións para o fomento do emprego de cara ao vindeiro curso 2018-2019.