O vindeiro domingo 15 de xullo o Polígono Industrial da Granxa cambia as rodadas dos trailers polas pedaladas dos ciclistas dende as 10.00 h
O salón de plenos do Concello do Porriño acolleu este martes a presentación oficial do Campionato de Galicia de Contrarreloxo por Equipos de Ciclismo, que se disputará o vindeiro domingo día 15 de xullo, no Polígono de A Granxa, organizado polo Clube Máster da Louriña.
No acto estiveron presentes o Tenente de Alcalde e responsable de Deportes, Manuel Carrera; o xerente da Asociación de Empresarios de As Gándaras e da Entidade Urbanística de Conservación A Granxa, David Sobral; o Director Técnico e Seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande; e o responsable do club organizador Máster da Louriña, Juan Álvarez.
Todos os asistentes coincidiron en salientar a importancia desta proba que, sublimaron, fai unha aposta moi importante polas categorías inferiores do ciclismo galego, posto que a mesma está aberta a ciclistas cadetes, xuvenís e Elite/Sub 23, nas categorías masculina e feminina, que poden facer a súa inscrición ata este mércores, día 11 ás 23:59 h, entrando na páxina web da Federación Galega -fgalegaciclismo.es-.
Tanto o seleccionador coma o organizador da competición enfatizaron a “vistosidade” da mesma, dado que a modalidade de contrarreloxo por equipos, cunha saída -dende as 10.30 h- programada con cadencias de tres minutos, permite seguir as evolucións de cada un dos participantes dende a primeira á última pedalada.
Pola súa banda, Manuel Carrera, que foi ciclista profesional, amosouse moi satisfeito porque a proba teña coma escenario o Polígono da Granxa, “que ten unhas rúas amplas, chas, con curvas doadas de trazar, que permiten acadar velocidade e gozar do esforzo dos deportistas”.
Carrera invitou ás veciñas e veciños do Porriño a acudir a este campionato no que, engadiu, os ciclistas teñen que dominar a técnica de competir contra o crono e, ao mesmo tempo, compenetrarse cos seus compañeiros, o cal fai de probas coma esta “un grande espectáculo para os amantes do deporte en xeral e, especialmente do ciclismo”.