Redacción 09/07/2018

A obra, financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra con 262.000 euros,  responde a unha das actuacións máis esperadas polas veciñas e veciños

Nos tres anos de goberno de Carmela Silva, a institución provincial leva destinado a Mos máis de 5,2 millóns de euros

 

 

O deputado provincial Carlos Font, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a deputada Digna Rivas, e representantes da corporación municipal, asistiu este mediodía á inauguración das obras de humanización da Avenida de Puxeiros, unha actuación largamente demandada pola veciñanza e que foi financiada a través do Plan Concellos da Deputación cunha achega de case 262.000 euros. O obxectivo do proxecto foi a humanización da avenida, entre a glorieta da estrada Puxeiros-Mos e o acceso á autovía A-55. Preténdese así mellorar a seguridade viaria  para peóns e persoas usuarias da zona, humanizando aqueles tramos de viarios que discorren polos núcleos máis urbanos.

Na súa intervención, Carlos Font cualificou de “espectacular” o cambio da estrada coa humanización estreada hoxe. “Son desas obras, dixo o deputado, que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas, porque dan seguridade viaria á zona, dótala de sendas peonís e unha canalización axeitada”. Font puxo en valor as humanizacións “porque amais de ser unha fermosa palabra supoñen que as persoas melloran o seu día a día”. O deputado provincial felicitou a corporación municipal de Mos “por ter escollido esta inversión da Deputación, a mellor decisión que podía tomarse e estamos encantadas e encantados de financiar este tipo de actuacións”. “Cremos na autonomía municipal, respectamos aos concellos e imos a seguir nesa senda de lealdade e colaboración institucional”, rematou

Os traballos consistiron na realización dun muro de contención e na instalación de tubaxes para a canalización de pluviais e do alumeado público, así como os sumidoiros para pluviais.  Instalouse unha nova rede eléctrica de alumeado público e oito columnas provistas de luminarias LED, así como sinalización viaria e vertical e pasos de peóns elevados. Tamén se realizou a colocación de mediana axardinada na estrada con asfaltado e pintado do viario, ademais da construción dunha senda peonil na marxe dereita.

Esta actuación de humanización inclúese dentro das actuacións financiadas a través do Plan Concellos, que achegou a Mos case un millón de euros (939.278,39 euros). Neste ano 2018, o goberno de Carmela Silva incrementou as contías aportadas a Mos nun 76,27%, polo que ten posto a disposición deste municipio máis dun millón e medio de euros (1.665.652,94 euros).

Nos tres anos de lexislatura, o goberno provincial achegou ao municipio de Mos máis de 5,2 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. En concreto, dende o servizo de Cooperación destináronse 3,6 millóns de euros, entre as partidas destinadas para o Plan Concellos, así como outras achegas distintas para reparación de instalacións deportivas e espazos públicos, adquisición de material deportivo ou iluminación exterior sostible, entre outras actuacións.

A área de Cohesión Social e Xuventude achegou a Mos 403.566 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia, a teleasistencia domiciliaria e axudas a entidades. Así mesmo, dentro deste eido houbo achegas para distintos programas, como Depotermal, Depo en Marcha, En Ruta coa Depo ou Tecendo Lazos.

O concello de Mos, nestes tres anos, recibiu 806.745,05  euros da área de Mobilidade. As partidas destináronse para obras en viarios, proxectos de mellora, rozas e limpezas de estradas, traballos de sinalización e pintado e actuacións do Plan Móvese. En canto a Deportes, Mos leva recibidos 29.501,07 euros, para o deporte federado, para as Deporteescolas, actividades deportivas, axudas individuais extraordinarias a deportistas e para a Copa de Fútbol Deputación.

Na área de Igualdade, Mos beneficiouse de partidas por valor de 50.986 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres no marco do programa “Conectadas” e a mostra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. En materia de Emprego, Mos contou con máis de 149.000 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral en Concellos impulsado pola institución provincial.

Mos recibiu, nestes tres anos de goberno provincial, case 150.000 euros a través do servizo de Cultura. Trátase de axudas para as escolas de música, para actividades de dinamización do galego e para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio e o Pontegal. Finalmente, desde Medio Ambiente destináronse 69.098 euros para a colaboración coa Confederación Hidrográfico do Miño-Sil para o financiamento das obras de restauración no río Louro. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén algo máis de 16.021 euros ao concello de Mos en materia de Novas Tecnoloxías, así como 1.300 euros a través da área de Turismo.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad