Redacción 05/07/2018

O grupo do PSOE salcedense lembra que os socialistas presentaron un Plan en materia económica para que o goberno local adquirise uns compromisos en materia de transparencia e boas prácticas na xestión económica que non se adoptou

 

 

A liquidación do orzamento correspondente ó exercicio 2017 do concello de Salceda de Caselas constata que a administración local incumpre o obxectivo da Regra de Gasto, así como o incumprimento do obxectivo de Estabilidade Orzamentaria.

Con estes datos debido a mala xestión económica, o concello de Salceda mírase abocado a formular un plan económico financeiro bianual antes do 1 de xullo, que permita que no ano en curso e no 2019  se de cumprimento ós obxectivos da regra de gasto e que deberá ser aprobado no prazo de dous meses. Ademais a lei marca que se debe proceder á retención de crédito, o que suporá a non dispoñibilidade de crédito para o normal funcionamento da administración local. Este plan económico financeiro debe conter medidas concretas baixo a tutela de Facenda.

Ademais, de non adoptarse as medidas previstas na lei, o Ministerio de Facenda poderá adoptar medidas coercitivas e incluso intervir as arcas municipais.

O grupo municipal socialista insiste “na falta de control do gasto polo goberno local que leva ó concello a esta situación, e a constante entrada de facturas con gastos innecesarios como é o caso do incremento na partida de publicidade e propaganda”.

Verónica Tourón incide no que veñen reiterando dende o 2016 “ esta é a consecuencia da deriva económica á que o goberno está levando ó concello coa falta de xestión, non se pode gobernar sen orzamentos, gastando o que non se ten e a base de recoñecementos extraxudiciais de crédito que abocan ós provedores a traballar sen ningunha seguridade xurídica e a cobrar a través dos xulgados”.

“Xa no 2016, os socialistas presentamos un Plan en materia económica para que o goberno local adquirise uns compromisos en materia de transparencia e boas prácticas na xestión económica. Medidas  que solicitábamos se implantaran pouco a pouco, que o goberno local non adoptou e que evitarían que en exercicios posteriores nos topásemos con estes resultados que coarta o normal funcionamento do concello, como está acontecendo agora”. 

Trátase de xestionar con seriedade, rigor e responsabilidade. Por isto, o grupo socialista advirte que non vai a ser cómplice desta xestión irregular do concello, é responsabilidade única do equipo de goberno co alcalde á cabeza, e volve unha vez máis a convidar á corporación a reflexionar sobre a necesidade de adquirir compromisos sobre boas prácticas e transparencia na xestión económica, e sacar ó concello desta situación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad