40 escolares presentaron os seus traballos na segunda edición do concurso, superando as cifras de participación de 2017
O xurado encargado de elixir os gañadores estivo conformado por Xaime Estévez, Tamara Costas e Andrés Giráldez
A organización do IV Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ entregou os premios do segundo Concurso de Relatos Curtos sobre a música galega, dirixido a rapaces de entre 6 e 12 anos. 40 escolares depositaron os seus escritos nas caixas de correos instaladas nos distintos colexios públicos do concello de Mos, na Biblioteca Municipal e no propio Pazo. A participación foi notablemente superior á rexistrada na primeira edición do concurso, convocado co obxectivo de espertar o interese dos cativos pola cultura e as tradicións de Galicia. A entrega dos agasallos tivo lugar no Pazo de Mos, coincidindo coa celebración do Día do Socio do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.
O xurado, nesta ocasión, estivo conformado polo profesor e investigador da música galega Xaime Estévez, a compoñente do grupo as Lagharteiras, Tamara Costas e o actor e titiriteiro Andrés Giráldez. Os agraciados foron:
– 1º premio, recompensado cun set de xogos para o aire libre, que recaeu en Érika Álvarez, polo seu relato “Os musiqueiros e a gaita de ouro”.
– 2º premio, agasallada cun set de xogos tradicionais, Shaila Pintos con “O poder de Irisina”.
– 3º premio, para André Vilas por “A dragongaita”, ao que se lle fixo entrega un set de xogos de lóxica.
Os xuíces encargados de elixir os gañadores destacaron o gran nivel do conxunto das obras presentadas nesta segunda edición do concurso.
O Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, chega este ano á súa cuarta edición co obxectivo de consolidarse como unha cita ineludible para os amantes da música folk en Galicia. Polo escenario do Festival pasaron, dende o ano 2015, artistas e bandas de primeiro nivel, como Uxía Senlle, Xosé Manuel Budiño, Son de Seu, Treixadura ou Susana Seivane, entre outros moitos.
A cuarta edición do Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ celebrarase na contorna do Pazo de Mos o venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro; a comisión organizadora xa ten practicamente pechada a composición do cartel, no que volverán figurar algúns dos nomes máis destacados da escena folk galega actual.