Participaron un total de 17 asociacións do Concello de Mos que cursaron 340 horas lectivas
O pasado venres tarde celebrouse no auditorio do Multiusos das Pozas o acto de clausura do programa municipal Tempo de Lecer 2018 no que estiveron presentes representantes das asociacións mosenses participantes, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Participación Cidadá, Julia Loureiro.
O Multiusos acolle dende onte a exposición dos traballos de varios cursos dos impartidos no programa Tempo de Lecer 2018: corte e confeción, pintura en tea, elaboración de xabóns, repostería creativa e cociña sá, e encaixe de bolillos avanzado.
Durante a próxima semana a mostra estará aberta de luns a venres de 10 horas a 13 horas.
O número de asociacións que participaron no programa foi un total de 17 que cursaron 17 obradoiros. O número total de participantes ascendeu a 242 e as horas de clase impartidas foron un total de 340.
Segundo informan dende a concellería de Participación Cidadá, os obradoiros máis solicitados foron: cociña-repostería, actividades deportivas, elaboración de xabóns e uso do móbil.
Así, cada asociación realizou 20 horas de clase de cadanseu curso que foron: o Centro Recreativo e Cultural de Torroso realizou o curso de pintura en tea, a Asociación Veciños San Mamede de Torroso o de dieta sá e equilibrada, a Asociación Veciños Santa Baia de Mos o de xardinería, a Asociación Veciñal de San Rafael o de Pilates, a Asociación Veciñal Chan do Bosque o de uso do móbil, o Círculo Cultural Abrente o de ximnasia mantemento, a Asociación Veciños de Dornelas tamén ximnasia mantemento, a Asociación Mulleres Rurais o de corte e confección, a Asociación Cultural Recreativa de Guizán o de elaboración de xabóns, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia o de elaboración de xabóns artesáns, o Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas o de cociña sá, a Asociación de Palilleiras de Mos o de encaixe de palillos, a Asociación Veciñal de Celado de teatro, a Asociación San Martín de Tameiga de manexo do móbil, a A.V.V. Nosa Terra de repostería creativa e o Grupo de Baile Nosa Terra de Pereiras o de pandeireta.
Na clausura de onte os membros da Asociación Veciños de Dornelas fixeron unha exhibición do aprendido no curso de ximnasia mantemento, os integrantes da Asociación Veciñal de Celado fixeron o propio cunha representación teatral na que amosaban os coñecementos adquiridos no obradoiro de teatro, o Grupo de Baile Nosa Terra de Pereiras deu un pequeno concerto de pandeireta e o Círculo Cultural Abrente fixo tamén exhibición de ximnasia mantemento.
As dúas grandes novidades do programa Tempo de Lecer deste ano, segundo explicou a edil Loureiro, son por unha banda que os cursos do programa Tempo de Lecer teñen unha duración igual á do curso escolar, é dicir dende o mes de setembro a xuño; e por outro lado que se incrementan o número de horas anuais dos cursos.
O formato de distribución das horas lectivas dos cursos igual que o curso escolar foi unha solicitude das propias asociacións, que demandaban esta fórmula para evitar as interrupcións de meses sen curso. Deste xeito ao ser os cursos seguidos, sen paróns, aprovéitanse mellor as clases.
Os obxectivos do programa municipal Tempo de Lecer son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades de ocio formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen, proporcionar alternativas de lecer no seu medio máis próximo e fomentar o uso do tempo de lecer en equipo.
Este programa está dirixido a tódolos veciños e veciñas maiores de 14 anos, empadroados/as no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello. O custo dos cursos para as persoas participantes é de 1 € por hora.