Esta acusación vén despois de que tanto populares como independentes votasen en contra da financiación de proxectos para Ponteareas
O pasado pleno ordinario do Concello de Ponteareas aprobou co voto a favor do PSdeG-PSOE, BNG, ARDT e EU a proposición do goberno municipal de financiar diversos proxectos para Ponteareas, como son a mellora enerxética do Conservatorio, da Biblioteca e da Escola Infantil, así como da adquisición de Casa cultural para a parroquia de Pías e a adquisición do segundo e terceiro andar do edificio da Seguridade Social. Pola súa banda PP e ACIP votarían en contra.
O PSdeG-PSOE de Ponteareas denuncia un acto que consideran de deslealdade e traizón por parte do Partido Popular e de ACIP aos intereses dos ponteareáns, despois de que estes votasen contra destes proxectos que, a xuízo dos socialistas, supoñen unha aposta do goberno municipal polo crecemento económico sostible.
“O que fixo o PP e ACIP votando en contra do espazo de Coworking e do servizo Smart-Lab é cerrarlles as portas a emprendedores e empresarios e á creación de emprego”, sentencia a tenente de alcalde socialista Chus Garrote.
A edil socialista, Chus Garrote, lamenta que o Partido Popular e ACIP estean atrincheirados na oposición destrutiva e insta a ambos partidos a pensar nos intereses de Ponteareas e dos ponteareáns.