O certame consolida a afluencia dun público fiel e diverso, local e foráneo e cun comportamento exemplar, con ausencia de incidencias
Inaugura con éxito o espazo infantil Minicans, no Parque do Río, que contou con numeroso público familiar dende ben cedo ata o solpor.
Dentro da sección oficial de curtametraxes a concurso xuntouse a descuberta de novos cineastas como Álvaro Gago, Carlos Martínez-Peñalver e Ángeles Huerta con caras xa máis coñecidas en Cans como Jorge Saavedra ou Ángel Manzano.
O festival acolleu o Coloquio na Leira máis multitudinario da súa historia, cun José Luis Cuerda ameno, interesante, divertido e por veces tamén desternillante.
O apartado musical, con Def Con Dos (Dos Tenores), Sidonie e Sés como cabezas de cartel, acadou as cotas de público máis elevadas dende os comezos do festival.
A duodécima edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a máis de 13.000 persoas, a medade delas no día grande do certame, o sábado día 23 de maio. Constátase deste xeito a existencia dun público fiel, local e foráneo e moi diverso, con idades de 0 a 80 anos. Cans é un festival que se celebra ao aire libre, moi condicionado polo tempo, polo que axudaron a bater este récord uns días excepcionais, moi solleiros e de temperaturas altas.
A pesar desta afluencia, todo transcorreu con total normalidade e non se produciron momentos aglomeracións, gracias á dispersión dos espazos de programación por toda a parroquia e o bo funcionamento do servizo de autobuses, que utilizaron máis da metade dos asistentes e liberou a parroquia de tráfico. O público puido gozar das actividades de forma cómoda e tranquila e a organización amósase especialmente orgullosa do seu comportamento exemplar e o seu respecto polo entorno. Confirma que, nos catro anos que van dende que o festival conta cun servizo de asistencia sanitaria propio, este foi o que menos partes de incidencias rexistrou, con tan só 14 persoas atendidas na enfermaría, todas elas por cuestións leves.
Entre toda a programación cómpre destacar o grande éxito que acadou a inauguración do Minicans no Parque do Río, un espazo pensado para os máis pequenos, que estivo cheo de familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol. Esgotáronse as entradas para o espectáculo Muller Cine e a proxección d’A tropa de Trapo na selva do Arco da Vella acadou un cheo absoluto, ao igual que a presentación do clip “Rui e as baleas” e os demais pases da Caixa de Mistos. Ademais, o fresco da ribeira, a carpa con menú infantil, o parque e actividades de xogos populares fixeron deste espazo o lugar ideal para pasar o día cos nenos e nenas de forma tranquila e relaxada.
Dentro da sección oficial de curtametraxes a concurso combinouse a descuberta de novos cineastas con caras xa coñecidas en Cans. Destacou a irrupción de Álvaro Gago, que se fixo co premio á mellor curtametraxe. Outro que entusiasmou foi Ángel Manzano, que levou o premio de público, logo de telo conquistado xa na edición de 2014. Ao mesmo tempo foron grandes descubrimentos o traballo de Carlos Martínez-Peñalver (mellor dirección) e Ángeles Huerta (mellor guión). Por último, Disney de Jorge Saavedra, xa un nome clásico en Cans, fíxose con tres premios: mellor interpretación masculina para Fernando González, mellor interpretación feminina para Marta Larralde e premio especial do xurado dos veciños.
Esta Ducia de Cans foi tamén a edición con maior protagonismo para os veciños e veciñas da parroquia de Cans, xa non só pola súa colaboración incondicional, senón porque foron o centro de moitas seccións. Inaugurouse o Muro dos Chimpíns, testemuño dos veciños e veciñas que levan recibido o premio Premio Chimpín de Prata Pepe Puime, que este ano foi para Juan Maceira. Ademais, houbo xurado dos veciños, repetíronse as mostras Costa Azul e ExpoDivina e amosáronse imaxes de documentais protagonizados por xente da parroquia como Cans do futuro (Cada cinco) e Divina Filmekeira.
Consolidación da programación matinal
O coloquio con José Luis Cuerda pasará á historia como o máis multitudinario de todo o percorrido do Festival de Cans, á parte de ser un encontro ameno, interesante, divertido e, por veces, desternillante. Pasaron por el preto de 500 persoas, o que corroboran os 450 cafés servidos polo barista Suso de Toro, cortesía de Galicia Calidade. A Leira de Alicia encheuse ata os topes de “amanecistas”, seguidores de todas as idades do director do mítico filme Amanece que no es poco.
Así mesmo, Daniel Guzmán e Javier Gutiérrez lograron congregar a 200 persoas nun encontro aberto organizado por CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. E isto ocorreu en día laborable e ás 10h00 da mañá. Tras a súa intervención, o Baixo de Moncho permaneceu repleto nunha das seccións máis especiais do festival, “A que andas?”, que amosa o cine cando aínda é só palabra en forma de guión.
A organización do festival está especialmente satisfeita co bo funcionamento de todas as actividades matinais que se desenvolveron desde o primeiro día. Entre o mércores e o venres pasaron pola actividade Cans do Futuro máis de 800 escolares e estudantes de escolas de audiovisual, non só de centros da comarca e arredores, senón tamén doutras zonas de Galicia e mesmo de Portugal.
Ademais do MiniCans, no día grande esgotáronse as entradas para o pase matinal das curtametraxes a concurso; ao redor dun cento de camiñantes seguiron o Cansonoro, un roteiro pola parroquia guiado por Xurxo Souto co acompañamento dos AcordeCans, que se celebrou por segundo ano consecutivo e que vai gañando adeptos madrugadores; e o torreiro anegouse de xente para ver a José Luis Cuerda colocar a súa estrela e gozar dunha sesión vermú de cine coa Banda de Música Xuvenil de Torroso. Só na mañá do sábado se achegaron a Cans nos autobuses da organización máis de 2.000 persoas.
Grandes momentos Cans’15
Todas as proxeccións de longametraxes lograron encher as salas, destacando especialmente o pase de A cambio de nada, que ademais da presenza do director Daniel Guzmán, trouxo por sorpresa ao festival a Luis Tosar, protagonista do filme. Suscitou tamén un enorme interese o pase d’A Esmorga, comentado por Ignacio Vilar; esgotáronse as entradas para a estrea do documental Torre de Breoghán de Jorge Coira; Tony Lomba e Manuel Manquiña protagonizaron un dos momento máis divertidos coa presentación de Rey Gitano, o novo filme de Juanma Bajo Ulloa; e a sección “Fill@s de Cans” volveu suscitar grande interese.
Os concertos de Def Con Dos (Dos Tenores), Sidonie e Sés foron multitudinarios, chegando a colapsar as liñas telefónicas e redes de datos móbiles. Xa a Noite de Clips anunciaba unha grande expectación, concentrando a máis de 400 persoas no centro do Porriño a golpe de xoves, co esperado concerto de Hendrik Röver.
O público tamén respondeu en todas as actividades dos espazos de programación paralela do festival: o Jalpón Fri, a Sala Multiusos, o Jaliñeiro Unplugged e o Cans Voulevar, poñendo de manifesto que o programa de Cans está pensado para público de todos os gustos.
PALMARÉS DO XI FESTIVAL DE CANS
Premio de Honra Pedigree’15 para Javier Gutiérrez, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa constante capacidade de traballo, así como á súa participación en curtametraxes e o seu apoio a directores e creadores novos que están iniciándose profesionalmente, a pesar de ser un actor recoñecido. Ademais do seu espírito crítico, tamén destaca a súa predisposición e especial sensibilidade para colaborar en proxectos relacionados coa inclusión social.
Premio do xurado á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, para Curricán de Álvaro Gago, por facer confluír nun mesmo espazo e tempo narrativo un retrato íntimo e tamén colectivo a través dun achegamento poético.
Premio do público á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, foi para Deber, de Ángel Manzano.
Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, dotado cun Can de Pedra, para Disney de Jorge Saavedra, por ser unha historia real e ironicamente divertida e tamén pola naturalidade da interpretación dos protagonistas da curtametraxe.
Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado cun Can de Pedra, para Marta Larralde por Disney, por achegar naturalidade e frescura á interpretación dunha situación cotiá.
Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado cun Can de Pedra, para Fernando González por Disney, por conseguir unha interpretación axustada e equilibrada dun personaxe aparentemente simple.
Premio CREA do xurado á mellor dirección, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Carlos Martínez-Peñalver por Nocturna, pola súa capacidade de crear unha atmosfera con poucos elementos e por achegar unha mirada propia.
Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 300 € e Can de Pedra, para The Fetch de Ángeles Huerta, pola súa autenticidade e por apostar sen complexos por un humor absurdo.
Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado cun Can de Pedra, para Unary de Nico Casal, pola súa solidez e a súa intencionalidade narrativa.
O xurado do XII Festival de Cans quixo facer unha mención especial a M is for Melon de Luis Solarat pola súa visión transgresora da sexualidade falocéntrica contemporánea. Así mesmo, o xurado tamén quixo facer mención especial a Ula de Alejandra Sotelo pola capacidade de facer unha peza artística dende unha mirada sorprendente.
Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, ao tema “Magma y Trueno”, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante espesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva.
Premio do público ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, para “Floating”, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez.