O certo e que o SERGAS non incluíu o Novo Centro de Saúde nos Orzamentos do 2015 cando na sesión plenaria do 12 de Maio do 2011 aprobouse a cesión gratuíta da Propiedade da parcela para a construcción do Novo Centro de Saúde
O proceso de reparcelación do PERI non ten nada que ver coa propiedade da parcela cedida ao SERGAS e rexistrada no Rexistro da Propiedade de Tui (adxúntase documento). O Partido Popular de Salceda quere tomar por parvos aos veciños e veciñas de Salceda e intenta enganalos con mentira tras mentira.
Nas diferentes reunións celebradas coa Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, tras pedirlle explicacións sobre as razóns polas que o novo Centro de Saúde de Salceda non aparecía nos orzamentos da Xunta, sempre se falou de que os recortes orzamentarios, impiden incluir partida por valor de 2.281.000 €, para a construcción dun novo Centro de Saúde.
En ningún momento se falou da non recepción da parcela por parte do Consello da Xunta, que a propia Conselleira asumía como cedida por parte do Concello.
O 13 de Maio do 2011 tras a sesión plenaria, envíaselle á Xunta de Galicia o Certificado da Secretaría Municipal dos acordos adoptados para a cesión gratuíta ao SERGAS da propiedade da parcela para a construcción do novo centro de saúde, e solicitándolle que comunicara ao concello de Salceda a súa aceptación na cesión do ben.
O 15 de Xullo do ano 2011 o Director Xeral da Administación Local di textualmente “que esta Dirección Xeral dase por informada da tramitación do expediente e acusa recibo da súa comunicación e recepción”.
Por outra banda o único requerimento por parte do Servizo de Patrimonio da Xunta ata o día de hoxe foi a solicitude da copia compulsada da certificación do Rexistro de Propiedade de Tui do 3 de Maio do 2011, e a copia compulsada da certificación catastral da mesma en base ao acordo adoptado pola Xerencia Territorial do Catastro 30 de Xuño o 2011. Esta documentación foi enviada o 28 de Setembro do 2011.
Dende entón e tras máis 4 anos de espera o Consello da Xunta aínda non aceptou a cesión do ben, sen que en ningunha das reunións mantidas coa Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e co anterior Xerente de Atención Primaria da área de Vigo Javier Caramés, e co actual Xerente Mario González, nin por suposto ningún requerimento por escrito e por rexistro de entrada no Concello, por parte da Dirección de Recursos Económicos do SERGAS, se nos fixera saber a necesidade de aportar nova documentación. O propio Xerente confirmo a Plataforma en Defensa dos Servizos Sanitarios de Salceda, na reunión mantida no mes de Maio, que o problema era de financiación: Que non había cartos.
O Concello comprometeuse, no acordo plenario do 12 de Maio de 2011, a asumir os gastos derivados da urbanización, que serán simultaneas a súa construcción, como en calquera licenza segundo a Lei do Solo de Galicia. Os sistemas de abastecemento de auga, saneamento, suministro eléctrico, alumeado, telefonía, cable e gas natural, xa están a pe de parcela, situada na Rúa Mártires de Sobredo. O SERGAS aínda non solicitou a licenza municipal obrigatoria.
A propia portavoz do PP no Pleno, tal e como recolle a acta do 12 de Maio do 2011, Enma Pereira Iglesias afirmou textualmente que “entende que o proceso de cesión do terreo culmina hoxe, polo que é a partires de agora cando a Xunta pode comezar a realizar os trámites que lle corresponden”.
Nas diferentes xuntanzas, a Conselleira deixou claro que o Centro de Saúde de Salceda era de PRIORIDADE 1, para o SERGAS. Quedou clara a urxencia da construción do Novo Centro de Saúde, que satisfaga as necesidades dos 8.887 veciños e veciñas que residen actualmente en Salceda, especialmente da poboación infantil de 1.527 nenos e nenas escolarizados (0-14 anos), e 1.750 empadronados/as. En total os facultativos do actual Centro de Saúde asisten a 7.750 persoas e todos os médicos de Salceda teñen asignados a preto de 1.700 cartillas.
O caso máis urxente corresponde á única pediatra do centro, que atende a uns 1.350 nenos e nenas, cando o máximo aconsellado é de 1.000. Dada esta saturación do servizo de pediatría, plantexouse á Conselleira a busca de solucións como habilitar espazos en instalacións municipais, como xa se está a facer co servizo de matrona, na propia Casa do Concello, ou a incorporación dunha segunda pediatra, que a Conselleira daquela quedou en estudar.
Marcos Besada afirma que “utilizar a mentira, por parte do PP de Salceda, nun intento desesperado de ocultar responsabilidade e defender os intereses inmobiliarios do SERGAS, de cara aos veciños e veciñas de Salceda, amosando o descoñecemento da situación do expediente de construcción do novo Centro de Saúde, non esconde a realidade: que a Xunta do PP non incluíu o Novo Centro de Saúde de Salceda nos orzamentos do 2013, 2014 e 2015 e tampouco esconde outra realidade, que o actual Centro de Saúde (construído no ano 1985) de Salceda está colapsado e que os profesionais de Sanidade exercen a súa laboura nun edificio que non cumpre as mínimas condicións para ofrecer uns servizos de calidade mínimos en pleno século XXI”.
Na imaxe amósase Certificado do Secretario da Posesión, do fin do Proceso e Viabilidade da Licenza de Obras.