O grupo parlamentario da Alternativa Galega da Esquerda, por medio da súa deputada Yolanda Díaz Pérez, ao abeiro do disposto no artigo 156 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte pregunta para a súa resposta oral na Comisión I, relativa á falla de rexeneración democrática en O Porriño
Os agoiros que desconfiaban das grandilocuentes declaracións da presidencia da Xunta ao respeito da rexeneración democrática teñen unha desgrazada confirmación na contidianeidade da xestión pública de numerosos cargos do PP nos diferentes espazos da administración pública galega, dando razón a crítica que descubre un país ateigado de tramas de corrupción político-empresarial. Queremos traer a consideración da Cámara que representa a vontade popular do pobo galego a situación dun concello medio do país, O Porriño, onde o seu alcalde, logo de ir e volver ao PP, resta imputado na causa que instrúe o xulgado número 3 desta vila polos tipos delictivos de prevaricación continuada, cohecho, malversación de caudais públicos, tráfico de influencias e vulneración dun dereito laboral furado polas contratacións irregulares, algunha delas xa recoñecida polo propio rexidor.
Semella un catálogo dos feitos que na conciencia de calquera persoa honrada a levaría a retirarse da vida pública para defender a súa inocencia e honra e non ferir as institucións públicas. De non ser así, sería de esperar que a dirección política do PP, organización política a que pertence o imputado, reaccionara apartándoo da súa responsabilidade pública. Xa sabemos que non vai ser así: Nelson Santos, que así se chama o alcalde imputado, conta co plácet do PP para volver a se presentar a alcaldía. Quizabes o interese que funda este apoio se poida explicar segundo as verbas que o presidente dos EE.UU. Franklin Roosevelt proferirá en relación co ditador nicaragüense Anastasio Somoza.
Por estes feitos, o grupo parlamentar da AGE formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral na Comisión:
– Cal é o encaixe de presentar a candidatura dun alcalde imputado por parte dun partido que vén de presentar no último debate sobre o estado da nación un pretendido conxunto de medidas para a rexeneración democrática?
– Estima a Xunta que os tipos delictivos apreciados na instrución, prevaricación continuada, cohecho, malversación de caudais públicos, tráfico de influencias e vulneración do dereito laboral, son apropiados para o exercicio dunha responsabilidade pública?
– Vai adoptar algunha medida unha Xunta de Galicia sostida polo PP para evitar que alcaldes e demais cargos públicos imputados poidan presentarse ás eleccións?