A proposta inclúe aumentar o percorrido actual catro quilómetros, para conectalo coa Lagoa das Gándaras, e mellorar a contorna do río
O BNG do Porriño propón ampliar o paseo do Louro e mellorar a contorna do río para convertelo nun espazo de lecer para a veciñanza. A recuperación deste terreo como zona verde pública é unha das propostas centrais do programa nacionalista en materia de medio ambiente.
O plan busca prolongar o paseo do Louro, centrado na área urbana, para conectalo coa Lagoa das Gándaras de Budiño, o que aumentaría catro quilómetros o percorrido actual. A ampliación levaríase a cabo en diferentes fases e iría acompañada de medidas para potenciar a ribeira do río como patrimonio natural do municipio.
Entre elas, a construción de fontes, puntos de iluminación e zonas de recreo -como veñen demandando as persoas usuarias- que permitan recuperar este espazo natural como un punto de referencia para o lecer e o esparexemento das veciñas e vecinos do Porriño.
A proposta inclúe como punto máis ambicioso a negociación para un posible traslado de Frigolouro. O BNG aposta por traballar xunto a empresa e o persoal na busca de localizacións alternativas, sempre e cando se garantan os postos de traballo e a súa continuidade no Porriño. A formación nacionalista xa mantivo unha reunión para valorar esta posibilidade e prevé abrir novas conversas para acadar o maior consenso posible, alén de procurar a colaboración da Xunta.
Tamén solicitará ao Ministerio de Fomento a instalación de pantallas antiruído, para paliar a contaminación acústica e visual, no tramo da autopista que percorre pararelo ao río. Nesa liña, tratará de chegar a acordos para a supresión de outras barreiras ambientais e estéticas, como son as liñas de alta e media tensión que pasan por riba do paseo.