O Concello informa do proxecto EYFEC ás primeiras asociacións porriñesas

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Iníciase a fase informativa para explicar o proxecto internacional de empoderamento da mocidade contra o cambio climático financiado pola UE

 

 

O Concello do Porriño iniciou a fase informativa cunha primeira reunión con diversas asociacións para explicarlles o proxecto EYFEC sobre mocidade e cambio climático, no abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocidade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000 €.

O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade; coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos.

A concelleira presidiu esta primeira reunión de traballo convocada a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil -OMIX- e coa colaboración do profesor Amador Ordóñez, director do proxecto. Asistiron representantes das asociacións: Amas de Casa, “As Mimosas” de Carracido; Centro Cultural de Carracido; e representantes da entidade local menor de Chenlo, Casal Chan Budiño e San Xurxo de Mosende.

Xunto co Concello participan as ong’s ASPEA -Asociación Portuguesa de Protección Ambiental- e a mozambiqueña ASEJANA -Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula-; tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro, en representación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a Universidade de Cabo Verde.

O proxecto denominado EYFEC -siglas de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”- ten como obxectivo empoderar á mocidade e ás institucións públicas e ás ong’s, como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxetivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica, provocada pola pandemia sanitaria.