Feijóo oficia a colocación da primeira pedra do PEMOS-18 e o BNG critica a multitudinaria asistencia

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O presidente da Xunta asistiu onte á colocación da primeira pedra do proxecto PEMOS-18 da Asociación de Empresarios de Mos. O acto concentrou a ducias de asistentes baixo unha carpa sen gardar a distancia de seguridade. Gustavo Barcia denuncia a “obsesión pola foto” do PP e considera o evento “unha falta de respecto ao esforzo que está a realizar a veciñanza”.

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu onte ao acto inaugural das obras no polígono da Veigadaña acompañado polo presidente dos empresarios, Manuel Castro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do goberno local e a deputada autonómica do PP Feli Rodríguez. O BNG denuncia que "baixo unha carpa montada para a ocasión, foron concentradas dúcias de persoas sen gardar a distancia de seguridade".

Na última semana, Mos foi un dos poucos lugares de Galiza onde empeorou a situación epidemiolóxica. A incidencia da covid-19 sitúase por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes e a Xunta anunciou un endurecemento das restricións para frear os contaxios. Nun momento no que se apela á prudencia de toda a cidadanía, o portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, cualifica de “irresponsabilidade” a convocatoria dun acto destas características. “Mentres o xefe do goberno galego colocaba a primeira pedra ante cen persoas, o seu Conselleiro de Sanidade explicaba en rolda de prensa os malos datos da pandemia en Mos”, indica o concelleiro. Adianta tamén que vai pedir explicacións, xa que unha celebración destas características debería contar co permiso do goberno municipal “e no momento actual non parece o máis sensato”.

Gustavo Barcia denuncia a “dobre vara de medir” da alcaldesa de Mos, “que fai estas cousas despois de chamarlle a atención ao BNG por celebrar unha reunión de carácter institucional con oito persoas nunha sala de cen metros cadrados”. Para o concelleiro nacionalista, a celebración deste acto “é un novo exemplo da obsesión do goberno do PP polas fotos e a propaganda”. Lembra que hai uns meses se lle pediu a todas as asociación veciñais e culturais do concello que cancelaran os seus actos, por iso ve a inauguración das obras de AEMOS como “unha falta de respecto ao esforzo que está a realizar a veciñanza para frear a pandemia”.

Durante o acto, Feijóo asegurou que a Xunta seguirá "facilitando o acceso ao chan industrial, poñendo a disposición este ano 1,4 millóns de metros cadrados de superficie bonificada nos seus parques empresariais". Para conseguir este obxectivo, afirmou que a Administración autonómica destinará 8 millóns de euros, co obxectivo de bonificar a adquisición das 545 parcelas dispoñibles, a través da compra, con prezos bonificados ao 30% ou ao 50%; ou mediante o pago dun canon anual reducido, é dicir, en dereito de superficie. Así mesmo, e como novidade, subliñou que a Xunta ofrecerá unha terceira vía de acceso, a de arrendamento, que inicialmente estará dispoñible para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal. Feijóo asegurou que, desde 2015, a Comunidade leva adxudicados un total de 2,1 millóns de metros cadrados, cunha bonificación de preto de 65 millóns de euros e anunciou unha nova Lei de desenvolvemento de áreas empresariais.

O novo proxecto da Asociación de Empresarios de Mos supuxo unha bonificación de chan industrial por parte da Xunta de preto de 900.000 euros. O presidente do Goberno galego concluíu resaltando que o polígono empresarial da Veigadaña segue sumando iniciativas, como proba o feito de que máis do 92% da superficie de parcelas do parque están xa adxudicadas, quedando dispoñibles para venda 6 parcelas, cunha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados.

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete