O Pleno de Mos celébrase nun ambiente bronco se ben aproba unánimente a maioría das mocións presentadas

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A alcaldesa expulsou irregularmente do Pleno a un concelleiro do PSdeG sen as tres chamadas á orde preceptivas. O goberno terminou por aceptar a inclusión no debate da moción do BNG, previamente denegada, sobre a situación dos traballadores de Maderas Iglesias, algúns dos cales acudiron ao pleno e puideron tomar a palabra para ser escoitados a petición do voceiro nacionalista Gustavo Barcia.

 

O Pleno do Concello de Mos celebrado onte aprobou por uninanimidade sete das mocións presentadas, mentres que outras dúas cuestións foron acordadas por maioría. Aprobouse co apoio de todos os representantes no pleno a bonificación do 95% do IBI para asociacións culturais do municipio e outros asuntos administrativos como o Expediente de Nomeamento do Xuíz de Paz substituto, o Expediente de Expropiación forzosa de 1 propietario para poder acometer a obra de humanización en Cela ou o Expediente de Adopción do Réxime de Fiscalización Limitada Previa. Tamén recibiron o apoio de todos os grupos as mocións presentadas polo BNG para a extensión a 2021 da celebración de Carvalho Calero no día das letras galegas e de apoio aos traballadores de Maderas Iglesias para a continuidade da produción industrial e dos empregos. 

Un dos asuntos máis delicados foi o debate sobre a Conta Xeral do exercicio de 2019, cuxa aprobación produciuse cos votos a favor do equipo de goberno, a abstención do PSOE e da concelleira non adscrita Verónica Costas e os votos en contra de BNG e GañaMos. A Conta Xeral do ano pasado aprobouse cun Remanente de Tesourería negativo de 555.000 euros e continúa habendo faturas sen pagar, tal e como corroborou no Pleno a propia Interventora Municipal. Neste senso a alcaldesa declarou sentirse “moi satisfeita cos números", causando así críticas dos representantes da oposición, que destacaron que a mala situación das finanzas municipais é debida á propia xestión de Arévalo durante os anos anteriores. 

O BNG mostra sorpresa ante a atitude "case triunfalista" da alcaldesa, a quen culpa de ter xestionado indebidamente as contas no pasado provocando a obriga do Concello de someterse a dous Plans económicos e financeiros que limitan a capacidade da administración local. Na mesma liña manifestáronse os representantes de GañaMos, que salientaron tamén a falta de planificación do Concello na execución duns orzamentos que o propio goberno incumpre. Tamén a voceira socialista, Victoria Alonso, sinalou a mala xestión económica de Nidia Arévalo que levou ao Concello a aprobar até catro recoñecementos extraxudiciais de crédito, así como a existencia dun millón e medio de euros en faturas non pagas que tampouco contan con partida orzamentaria asignada, o cal multiplicaría o saldo negativo do remanente de tesourería declarado polo Concello. A representante do PSdeG denuncia importantes fallas de transparencia na xestión económica e chamou tamén a atención sobre os montantes de impostos municipais non cobrados, que poden chegar aos cinco millóns de euros durante os últimos anos, e que supoñen un agravio comparativo para os veciños que si cumpren as súas obrigas fiscais.

A alcaldesa protagonizou, xunto co representante do PSdeG Alejandro Figueroa, un dos momentos de maior tensión no pleno. O concelleiro socialista dirixiu unha pregunta á alcaldesa no tocante á promesa feita polo Concello nos medios recientemente de apoiar financeiramente a aqueles veciños que quixesen presentar unha demanda en relación ao asunto da Pass Vigo e as tarifas do transporte público na cidade gobernada por Abel Caballero. A intención era saber como se contemplarían no orzamento eses gastos, cuestión que foi recollida con visíbel malestar por parte da alcaldesa quen, tras interromper o turno de palabra, expulsou da sala ao representate socialista sen as tres chamadas á orde previas que de maneira obrigada se deben facer.

Tamén foi aprobada por maioría a moción da concelleira non adscrita, Verónica Costas, sobre a Estrada Provincial Puxeiros – Mos co apoio dela mesma, do equipo de goberno e de GañaMos, e coa abstención de PSOE e BNG. Esta moción ven a instar a que a humanización da Estrada Puxeiros-Mos se acometa con urxencia e aplaude e agradece tamén a iniciativa e apoio das agrupacións veciñais das parroquias afectadas de Tameiga, Dornelas, Torroso e Mos.

Por último, o representante do BNG lamentou que o pleno non tratase a súa moción relativa á sanidade, na que instaba ao pleno a exixir á Xunta un aumento dos investimentos nesta área e a reactivación da atención sanitaria presencial. Tamén empregou o seu turno de rogos para referirse aos insultos lanzados por parte dun empregado municipal contra a agrupación nacionalista, asunto que a alcadesa admitiu descoñecer.

 

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete