Centos de persoas manifestanse en Vigo e Compostela en solidariedade cos militantes independentistas encausados no marco da Operación Jaro

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O xuízo aos 12 militantes independentistas detidos en 2015 comezará mañá luns na Audiencia Nacional en Madrid. Os convocantes entenden que non existe fundamento para as acusacións e as peticións de condena, e subliñan o carácter excepcional das actuacións do Estado.

 

Centos de persoas manifestáronse nas rúas este venres en Vigo e hoxe, domingo, en Compostela para mostrar a súa solidariedade cos 12 encausados no xuízo, o seu rexeitamento ao procedimento xudicial e para sinalar a ameaza que este tipo de actuacións policiais e xudiciais supoñen para dereitos civís e políticos fundamentais da cidadanía en xeral.

O asunto iniciouse en 2015 coa detención, no marco da chamada Operación Jaro, de nove militantes independentistas da organización Causa Galiza acusados de apoloxía do terrorismo e pertenza a banda armada. Tal era a fraqueza das acusacións que durante a fase de instrución, no ano 2016, os cargos de pertenza a banda armada decaen cando se constata a ausencia de probas incriminatorias nese sentido, transformándose entón en imputacións de integración en banda criminal para a comisión de delitos de enaltecimento do terrorismo. O xuíz Eloy Velasco foi obrigado pola sala do Penal a levantar a suspensión das atividades de Causa Galiza previamente decretada. En 2017, sobre a base das mesmas acusacións, foron detidos tres outros membros de Ceivar, outra organización independentista que centra a súa atividade no ámbito da loita contra a represión política e policial. 

A instrución recae posteriormente no xuíz Félix Alfonso Guevara, quen xulgara o polémico caso que deu por constatada a existencia, e tamén a desarticulación, da organización terrorista Resistência Galega. Isto, xunto coa admisión como proba do sumario 2/2012 relativo a aquel caso, levou á defensa a solicitar a recusación do xuiz ao entender que se vía afectada a imparcialidade do mesmo.

Tras meses de parálise instrutora, en 2019 a Fiscalía da Audiencia Nacional decide pedir a disolución das dúas organizacións por seren os encausados membros e responsábeis de organización e coordinación das mesmas, presentando un escrito de acusación que mantiña as imputacións de pertenza en banda criminal para 11 dos acusados, e mais os delitos de enaltecimento de terrorismo pola participación en actos de recibimento de persoas vinculadas pola policía e os medios a “Resistência Galega”, moitos dos cales foran absoltos dos cargos. Os acusados enfréntanse agora a penas de até 12 anos de prisión, 32 de inhabilitación e un total de 348.000 euros de multa.

Desde o principio as organizacións implicadas destacaron a excepcionalidade das actuacións policiais e xudiciais relacionadas coa Operación Jaro, a cal denuncian que foi iniciada co obxectivo de encontrar probas, e non por causa destas. Ambas as dúas organizacións levan a cabo a súa atividade de maneira “pública e legal”, negan a veracidade das acusacións imputadas e denuncian a montaxe policial, a hostilidade da campaña política apoiada polos grandes medios de comunicación e a vulneración de dereitos fundamentais ao longo do proceso. Á vez, chaman a atención sobre o recorte de dereitos fundamentais que supón que prácticas como as que substentan este caso sexan toleradas e demandan solidariedade ao conxunto da cidadanía.

Os acusados contan co apoio de numerosas organizacións sociais e políticas, e de case 2.000 asinantes dun manifesto que denuncia a montaxe policial e reclama a absolución. Hoxe foron centeares as persoas que marcharon polas rúas da capital galega para defender que "a solidariedade non é delito" e denunciar o recorte de dereitos que dende anos ameaza aos movementos políticos e sociais galegos.

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete