O COVID-19 afecta directamente ao emprego das persoas con discapacidade

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A  franxa de idade entre 55 e 65 anos é a que máis reflicte o descenso en número de contratos, acadando unha caída do 71%

Dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade faise un chamamento ás empresas e administracións públicas para que continúen co compromiso da inclusión laboral dos grupos sociais máis desfavorecidos

 

 

A situación que estamos vivindo actualmente por mor do COVID-19 estalle afectando directamente á empregabilidade de persoas con discapacidade. Segundo datos que manexa o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL), dende a declaración do estado de alarma no mes de marzo ata a primeira quincena do mes de setembro, rexístrase un descenso na contratación dun 56% con respecto ao período do ano anterior.

As persoas maiores de 55 anos son as máis afectadas na perda de emprego coa aparición do COVID-19, acadando unha baixada dun 71% nas contratacións. Se esta franxa de idade atopa máis dificultades de acceso ao mercado laboral, esta situación vese actualmente agravada e co risco de caer na inactividade, polo tanto, na exclusión social.

“As persoas que tradicionalmente atopan máis problemas de acceso ao mercado laboral están resultando ser as máis afectadas nesta situación na que nos atopamos, sendo estas as persoas con discapacidade, maiores de 55 anos, mulleres e outros grupos sociais en risco de exclusión”, destaca Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.

Con respecto aos outros grupos de idade, os que comprenden entre os 18 e 30 anos reflicten unha baixada dun 41%, mentres que na franxa de 31 a 54 anos rexístrase un descenso dun 54% no número de contratos.

Para evitar que exista máis desemprego no grupo social das persoas con discapacidade e agravar a situación de vulnerabilidade, dende COGAMI faise un chamamento ás empresas e administracións públicas para que “non baixen a garda á hora de ofrecer oportunidades laborais a persoas que sempre experimentaron en primeira persoa os efectos negativos das crises”, expresa Anxo Queiruga.

A provincia de Pontevedra é a que rexistra un maior descenso na contratación a persoas con discapacidade, contabilizando unha baixada do 63% con respecto ao mesmo período do ano anterior, seguida da provincia de Ourense, cun 60% menos, a de A Coruña que rexistra un descenso do 51% e a de Lugo rexistra un 46% menos de contratos a persoas con discapacidade.

Dende COGAMI búscase a colaboración das empresas galegas para que se comprometan a contribuír coa inclusión laboral das persoas máis vulnerables e evitar que aumenten a exclusión social e a pobreza. Existe preocupación de que se produza un retroceso nos logros acadados nos últimos anos polas persoas con discapacidade, sendo o emprego a alternativa máis efectiva para evitalo.

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete