“XOVES DE COMADRES”, de Noemí Chantada, curtametraxe trunfadora no XVII Festival de Cans

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A cinta da realizadora viguesa fíxose con 4 dos premios principais: Mellor Curtametraxe, Mellor Guión, Premio do Público e o do Xurado dos Veciños e Veciñas. 16 de decembro recibe os galardóns á Mellor Dirección e Mellor Fotografía. Notas sobre a habitabilidade en A Barca obtén a distinción á Mellor Película da sección FuraCáns

 

A curtametraxe Xoves de comadres, da realizadora  viguesa Noemí Chantada,  foi a trunfadora da XVII edición do Festival de Cans ao facerse con catro dos principais premios. O xurado outorgoulle oa galardóns á Mellor Curtametraxe e Mellor Guión. Ademais, obtivo as distincións que outorgan o Público e o Xurado dos Veciños e Veciñas.

O xurado destacou de Xoves de Comadres “a visión naturalista” e a “sensibilidade” amosada “á hora de crear un espazo de intimidade e verdade sobre a soedade e abandono da terceira idade cunha mirada crítica e profundamente humana”. Salientou, ademais,  “o delicado traballo conseguido entre a directora e as súas actrices de lograda emoción”.

Noemí Chantada acaba de obter no Festival de Málaga, con esta mesma curtametraxe, a Mención especial do Xurado, a Biznaga de Prata e o Premio do Público. A realizadora traballa dende hai  quince anos coma directora de fotografía e cámara. En 2016 fundou a produtora Islandia Producciones. Na décimo quinta edición  do Festival de Cans, a de 2018, Noemí Chantada xa obtivera unha mención especial do xurado pola cinta A Muller Invisible.
 
Dous premios para 16 de decembro

O filme 16 de decembro, de Álvaro Gago, acadou os recoñecementos á Mellor Dirección e á Mellor Fotografía, de Lucía C. Pan. Os membros do xurado destacaron desta cinta o “rigoroso” da súa realización e o “bo pulso e mesurada emoción” coa que a trata unha realidade tan grave coma é a das agresións sexuais e a indiferenza que a miúdo a rodea.

A intérprete Bruna Cusí fíxose co galardón á Mellor Actriz pola súa actuación en Todo el mundo se parece de lejos. Cusí obtivo o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo filme Verano 1993, de Carla Simón.

Pola súa banda, Denís Gómez obtivo a distinción ao Mellor Actor polo seu traballo en Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores.

A relación de galardóns do xurado das sección de Ficción e Animación complétana os recoñecementos a Mario G. Cortizo pola Banda Sonora da curtametraxe Conte Trencat de Miguel Gago;  e o premio á Mellor Curta de Animación, que foi para El Gran Corelli,  de Abel Carvajal. O xurado destacou desta película que “dota de vida a un pequeno gran personaxe e que cunha técnica impecable e unha aparencia inofensiva e poética móstranos unha historia crúa e desgarradora”. Carvajal é un animador da Estrada de tan só 24 anos que traballa actualmente na produtora Laika Animación, unha das máis importantes anivel global.

O xurado de Ficción e Animación do Festival de Cans estivo integrado este ano pola directora Paula Cons, a produtora Andrea Vázquez, o actor Milo Taboada, o produtor Daniel Froiz e o crítico de cinema Julio Feo.
 
FuraCáns e Novas Camadas
 
Entre as cintas competidoras na sección FuraCáns, gañou a curtametraxe Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do Colectivo Semente, formado por Paloma Hernández,  Pablo Paloma e Andrés Fernández-Albalat. Para  o xurado, esta película é unha aposta por  un cinema pensado “como lugar de encontro entre a experimentación formal e o achegamento antropolóxico, dende un concepto de colectividade”. Este filme tivo a súa estrea absoluta no Festival de Cans e saiu dun traballo dos seus directores na Elías Querejeta Zinema Eskola.
 
Tamén na sección FuraCáns, a cinta Usos e Costumes, de Iria Silvosa, obtivo unha Mención de Honra “por convidar ao espectador a observar os xestos da vida cotiá dende a confianza na imaxe”.
 
O xurado desta sección, onde compiten os traballos documentais e de videocreación, e de Novas Camadas, estivo integrado pola montadora Julia Juániz, a directora Jaione Camborda e máis o director Ángel Santos.
 
A sección Novas Camadas incorporouse esta ano por vez primeira ao Festival para recibir traballos de creadores e creadoras noveis. E a curtametraxe gañadora desta súa primeira edición foi Onde durmen as gaivotas, do vigués Dani Cornes. É unha curtametraxe gravada nas Illas Cíes. Toda Aspereza, de Pablo Aguilar, obtivo unha mención de honra.
 
O premio ao Mellor Videoclip foi para As crónicas, de Os amigos dos músicos, realizado por Rubén Domínguez. O xurado formárono a música Isabel Fernández Reviriego, o guionista Pablo Portero e o xornalista e crítico musical Fernando Neira. Destacaron, do videoclip premiado, o “despregamento de produción”, a “beleza dos planos e as texturas”, e “unha montaxe marabillosa”. Tamén recibiu unha mención especial o videoclip de Fisterra, de  Baiuca, realizado por Adrián  Canoura: “Fixo gala do menos é mais, e que con poucos recursos fixo algo moi especial e utilizou moi ben as imaxes de arquivo”.
 
O Festival de Cans entregou esta noite, na súa gala final do seu día grande, os galardóns correspondentes á súa 17ª edición. Coa entrega dos premios remataba a edición do certame na que máis películas se estrearon: un total de 15. Competían 25 longametraxes e 15 videoclips. A situación sanitaria fixo que esta fose a edición máis singular do Festival. O público demostrou un comportamento excepcional e respectuoso coas normas de prevención da Covid deseñadas para garantir a saúde de veciños e veciñas de Can, dos asistentes, e do equipo do Festival.

Fotografía de Cris Andina

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete