O PP impide no Pleno a venda dun terreo no PPI6 que ingresaría ás arcas 338.000 €

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O Goberno municipal lamenta que "o PP pretenda bloquear o Concello como terminou de evidenciar coa súa negativa á venda dunha parcela a unha empresa, que xeraría un ingreso de 338.000 € para inversións"

 

 

O Goberno Municipal do Porriño lamenta que o Partido Popular coa súa actuación no pleno municipal de onte, pretenda bloquear a xestión económico financeira do Concello. O goberno entende que chegouse ao colmo co voto en contra dos concelleiros do PP impedindo aprobar a venda dunha parcela municipal no PPI 6 de Budiño. Unha operación que xeraría un ingreso de 338.000 € ás arcas do Concello con destino a inversións públicas e que, ademais "suporía a creación de postos de traballo no Porriño".

Pedro Pereira, alcalde accidental que presidiu a sesión pola baixa por enfermidade de Eva García, acusou ao PP de levar unha conduta estraña "semella que para vostedes xa non hai límites no exercicio da oposición e que canto peor, mellor”, engadiu. Pereira advertíulles que “cada quen será responsable dos seus actos ao impedir unha operación de Tesourería tan importante para o Concello do Porriño".

A voceira do PSOE, Lourdes Moure sinalou que nesta sesión plenaria “queda claro que o PP non está por colaborar en nada: nin a venda dunha parcela nin o pago de facturas a provedores”. A concelleira de Economía lembroulle ao voceiro do PP que na orde do día de onte figuraba o pago de facturas á Sociedade Xeral de Autores de cando Alejandro Lorenzo foi concelleiro de Festas, o que foi aprobado, por certo, cos 7 votos do PSOE, BNG, EU SON e Carrera fronte ás 8 abstencións do PP.  

Na mesma liña, o concelleiro non adscrito Manuel Carrera, da UDDL, sinalou que “evidénciase que o PP porriñés está a perder por completo o norte na súa acción política de oposición e que o único propósito que lles guía é bloquear o Concello. Lamentablemente o PP vota en contra da venda dunha parcela a unha empresa que ven a crear postos de traballo e a xerar riqueza no Porriño; non hai quen vos entenda”, dirixíu Carrera á bancada popular.

Cos seus 8 votos, o grupo municipal do PP, primeiramente impediu que o asunto da venda da parcela de 5.110 m2, quedará enriba da mesa despois de ter ofrecido Pereira esa alternativa, ante a falla dun informe de Intervención que o Partido Popular entende necesario e que os restantes grupos políticos valoraron que estaba na tramitación preexistente deste asunto. Ademais o voceiro popular denunciou outras fallas de información sobre a empresa compradora. E finalmente o PP, nunha segunda votación votou en contra da operación de venda.