580 Clubs da provincia do deporte federado de ámbeto inferior a nacional beneficiarios das axudas da deputación

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

580 Clubs da provincia do deporte federado de ámbeto inferior a nacional beneficiarios das axudas da deputación

A institución provincial aproba a concesión destas achegas que este ano se incrementan ata os 675.000 euros e que beneficiarán a entidades de 57 concellos. 

“Cremos que o deporte é un ámbito fundamental que as administracións públicas teñen que apoiar”. Así se pronunciou hoxe Carmela Silva, a presidenta da Deputación de Pontevedra, con motivo da aprobación pola Xunta de Goberno da concesión das axudas para clubs deportivos que participen en competicións federadas de ámbito inferior a nacional para o ano 2020, cuxo investimento ascende a 675.000 euros, 25.000 máis que o ano pasado. Estas axudas permitirán beneficiarse a 580 clubs deportivos sen ánimo de lucro de 57 concellos da provincia. 

O importe total destas subvencións repártese en dúas partidas. A primeira, de 575.000 euros, ten como destinatarios a 566 clubs de deporte federado de ámbito inferior a nacional. Os 100.000 euros restantes repartiranse entre 14 clubs de rexional preferente. “Estamos a falar dun investimento moi relevante”, explicou Carmela Silva, “significa que seguimos apostando polo deporte e que aumentamos a financiación este ano, incluso cando a COVID-19 parou moitas competicións”. 

A comarca de Vigo, integra 244 clubs beneficiarios e un investimento de 270.907,29 euros, dos cales 158.201,25 euros irán destinados a 142 clubs da cidade viguesa. No Salnés, o investimento é de 122.309,36 euros para 82 clubs. En Pontevedra, 71 clubs accederán a estas axudas, que contarán na comarca cun orzamento de 74.420,26 euros. No Morrazo, 56.202,48 euros irán destinados a 40 clubs, mentres que no Condado-Paradanta 39 clubs se verán beneficiados con estas subvencións, cuxa inversión ascenderá a 56.536,26 euros. Outros 59 clubs do Deza-Tabeirós recibirán 51.831,64 euros, mentres que a Deputación destinará a 45 clubs do Baixo Miño 42.792,71 euros. 

Os clubs pertencen a 70 disciplinas e deportes, polo que estas axudas abranguen dende o fútbol ata os bolos celtas pasando pola loita olímpica, o taekwondo, o salvamento, o ciclismo, o billar, a ximnasia rítmica, o baloncesto, o tenis, o voleibol, o xadrez, o atletismo, a hípica ou a petanca. Entre as entidades beneficiarias tamén se atopan clubs de deporte adaptado e clubs femininos. 

As concesións das axudas se reparten por un réxime de concorrencia competitiva, é dicir, con criterios obxectivos. “Tívose en conta o número de licencias, o ámbito de competición do equipo de referencia, o número de categorías, o número de licenzas femininas e os que teñan licenzas de deporte adaptado”, sinalou a presidenta. 

Esta é unha liña máis do conxunto de axudas que este ano puxo en marcha o ente provincial para apoiar o deporte da provincia. Estas subvencións, sumadas ás Actividades Depo presentadas a semana pasada, ó programa DepoPromo, ás subvencións ó deporte náutico, o deporte de ámbito nacional, dos convenios cos clubs de alto nivel, a organización de actividades deportivas e a concesión das bolsas ás e aos deportistas coa marca DepoDAN e DepoPromesa, supoñen máis de 3,6 millóns de euros en investimentos para o deporte da provincia.