O CSCD das Pedriñas convida a músicos portugueses para as súas vindeiras sesións da Sala Rebullón

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Os próximos días 16 e 17 de xullo actuarán Francisco Nogueira e Luís Peixoto, respectivamente, no espazo Territorio Cultural das Pedriñas (Tameiga, Mos). Ambos artistas traerán desde o seu Portugal natal os ritmos do fado e do folclore mesturado con elementos da música contemporénea. Os socios do centro poderán acudir de balde, namentres que para o público xeral, as entradas poderán ser adquiridas na cantina das Pedriñas.

Luís Peixoto actuará o venres 17 de xullo. Trátase dun dos máis consagrados cordofonistas portugueses. Despois de formar parte e acompañar innumerables grupos e artistas como Dazkarieh, Assembly Point, Anxo Lorenzo Band ou Kalakan, en 2017 lanzou, en solitario, o traballo que tivo máis recoñecemento: Assimétrico, onde elementos electrónicos xúntanse ao acústico dos cordófonos tradicionais. 

Centrándose principalmente na mandolina, neste concerto Luís Peixoto faise acompañar de Xosé Liz (Guitarra) e María Jorge (Violín). Sempre buscando novos camiños musicais, e continuando a súa carreira en solitario, 2020 é o ano no que nace “Geodesia”. En formato de trío acústico, o novo disco é unha viaxe polo repertorio tradicional portugués da man de composicións propias. En directo as cordas inventan unha xeodesia moi portuguesa que non deixa a ninguén indiferente.

Pola súa banda, o fadista Francisco Moreira dará un concerto na Sala Rebullón o xoves 16 de xullo, xunto cos acompañantes João Martins na guitarra portuguesa e André Teixeira na viola de fado. Nacido en Vila do Conde, o 27 de Decembro de 1999, Francisco Moreira pertence a unha familia ligada á música e é fadista residente na Casa da Mariquinhas no Porto. Comezou cedo no fado e non tardou a concorrer ao gran Premio do Fado, na RTP, e a gañar, en 2012.  Hoxe, con 22 anos , é dos fadistas con mais proxección do país veciño. Co seu novo disco Todos os Fados Son Meus, ve concretado o propósito que o trouxo aos medios fadistas, con orixinais e versións de fados antigos que de seguro cautivará ao público asistente.