Salceda presenta un Verán Cultural atractivo e seguro seguindo as novas normas de seguridade

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación do Verán Cultural da man do Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez e a alcaldesa Loli Castiñeira, que este ano por mor da COVID19 se reduce a unha semana na que se congregarán unha ducia de actividades.

 

 

A programación, que se estenderá dende o luns 13 ata o luns 20, concentrarase na Praza do Concello, por ser un lugar amplo e con posibilidade de acotamento de espazo para o público, algo que resulta imprescindible para poder manter as medidas de seguridade relacionadas co coronavirus. Os actos centraranse na infancia e no público familiar, a modo de homenaxe despois duns meses de confinamento e restricións complexos para os nenos e nenas, que agora por fin poden comezar a desfrutar de actividades infantís e para tódolos públicos.

A pesares da non celebración das verbenas, o Concello apostou por manter citas importantes como o Estourazo coa xa anunciada homenaxe á Agrupación de Protección Civil e que contará co tradicional desfile da Agrupación Gaiteira, ou o acto de recoñecemento de salcedenses distinguidos/as o domingo do Cristo, que este ano premiará a laboura de sectores fundamentais nesta crise, como o sector sanitario ou o sector comercial. O Concello fará públicos nos vindeiros días os nomes das persoas homenaxeadas que xa foron aprobados por unanimidade polo Pleno da Corporación.

Dende a Concellaría de Cultura e Festexos tocou reinventarse e ofrecer actividades diferentes que fosen posibles neste momento, con casos como os da Banda de Música Cultural de Salceda que, manten a imposibilidade de realizar un concerto conxunto (son case 90 músicos/as), optou por dividir a formación en cinco grupos que ofrecerán concertos ao longo da fin de semana.

Alcaldesa e Concelleiro anunciaron tamén unha segunda parte da programación cultural no mes de setembro, que comezará coa Festa dos Callos, que tamén se celebrará dun xeito adaptado á situación actual, e que continuará coa denominada “Noite violeta”, unha noite adicada á igualdade con concertos, obradoiros e moitas máis actividades que serán presentadas proximamente, e que se enmarca dentro das iniciativas do II Plan de Igualdade do Concello de Salceda que se aprobou a finais do pasado ano.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira agradeceu especialmente o traballo realizado polo Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, nun momento complexo onde son moitas as variables a ter en conta para ofrecer unha programación de calidade e que poida cumprir cos protocolos de seguridade establecidos. “Queremos ciclo cultural no Cristo, pero ante todo queremos garantir a seguridade da nosa veciñanza. Estamos nun ano complexo onde houbo que tomar decisións difíciles como a suspensión dos campamentos ou o peche da piscinas municipais, mais non queremos deixar á nosa veciñanza sen o seu tempo de ocio e entretemento, conscientes tamén da enorme importancia que a programación ten para o tecido comercial e hostaleiro”