O Festival Intercéltico O Son do Pazo apraza a súa sexta edición ata setembro de 2021

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A comisión organizadora vese na obriga de cancelar a celebración deste ano ante a imposibilidade de manter o formato do festival cumprindo cos protocolos de seguridade. As bandas e artistas pechados para este mes de setembro amosaron a súa comprensión e comprometéronse a formar parte do cartel do vindeiro ano. Reproducimos o comunicado da comisión organizadora:

 

Cun enorme pesar, temos que dar a noticia que non queriamos dar: o Festival Intercéltico O Son do Pazo 2020 cancélase. Tomar esta decisión non foi doado para nós. Levamos moitos meses traballando duro coa idea de volver traer a Mos o melloriño do folk galego os días 4 e 5 de setembro. Tiñamos practicamente pechado un cartel de auténtico luxo e deveciamos por dalo a coñecer, pero optamos pola prudencia ante a crítica situación sanitaria que vivimos nos últimos meses.

Soñabamos con que este pesadelo pasara canto antes e gardabamos a esperanza de poder facer un gran festival que nos permitira rematar o verán con esa alegría que tanta falta nos fai. Pero atendendo ás circunstancias actuais, entendemos que non vai ser posible. Antes de tomar esta decisión, estivemos agardando a que as autoridades publicaran as medidas de seguridade e hixiene que se nos ían esixir e que queriamos respectar escrupulosamente. Comprendemos que toda precaución é pouca e o prioritario, para as administracións e por suposto para nós, é garantir a seguridade de toda a xente que participa no festival. Artistas, persoal técnico, voluntariado e público. Estudamos distintas fórmulas para adaptar o formato aos protocolos sanitarios, pero chegamos á conclusión de que nos iamos ver na obriga de renunciar á esencia do evento.

O Son do Pazo é un espazo de alegría e liberdade. Emocionámonos ao ver á xente cantar e bailar. Encántanos recibir ao público que enche de vida a contorna do pazo durante os dous días do festival. Compartir comida e bebida baixo a carpa, repartir apertas entre vellos coñecidos cos que nos une a paixón pola música galega e brindar pola amizade. Este ano ademais o recinto ía estar máis bonito ca nunca trala inauguración do parque que a Comunidade de Montes construíu a carón do Pazo... pero para facer realidade este soño, precisabamos que a situación sanitaria estivera 100% normalizada. E esta circunstancia, polo momento, non se dá.
Queremos, ademais, que sexa un festival de acceso libre e gratuíto. O C.C.D. Santa Eulalia e a comisión organizadora realizamos cada ano un enorme esforzo para que isto sexa así. Buscando patrocinadores, chegando a acordos coas distintas administracións e estudando todas as fontes de financiamento ao noso alcance. Todo co fin de facer chegar a música de raíz a un público o máis amplo posible. Porque facemos isto por amor á nosa cultura e ás nosas tradicións, sen ningún ánimo de lucro, e non nos gustaría ter que cobrar entrada ou limitar dalgunha maneira o acceso ao recinto.

Agora ben, que este ano non haxa Festival non significa, nin moito menos, que o noso proxecto remate aquí. O Son do Pazo volverá en 2021 e farao con máis forza ca nunca. O traballo realizado nos últimos meses non caerá en saco roto e servirá para que a próxima edición sexa un enorme éxito. Os artistas que ían actuar este ano comprenderon perfectamente a situación e comprometéronse a formar parte do cartel do ano que vén. E sabedes que? Vai ser un cartelazo!

Queremos pedir desculpas e reiterar o noso agradecemento a artistas, técnicos, patrocinadores, provedores e institucións que cada ano colaboran connosco. Pola súa paciencia e a súa empatía. Porque souberon entender que para nós non era unha situación fácil e lonxe de meternos présa ou protestar polas nosas dúbidas, estiveron sempre ao noso carón, dándonos ánimos e tratando de facilitarnos o traballo. Aínda que sexa só por esta xente, agora temos a obriga de converter O Son do Pazo 2021 na mellor edición da historia do Festival.

Viva a nosa música! Viva a cultura de Galicia e de todas as nacións celtas!

Vémonos o 3 e o 4 de setembro de 2021 en Mos, na sexta edición do Festival Intercéltico O Son do Pazo.

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete