O PSdeG de Mos denuncia presións do Concello aos sindicatos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Hai uns días, a corporación local do PSdeG en Mos facía público un comunicado onde reclamaba ao Concello, de acordo co pacto da federación de municipios e o Goberno central, que puxese a disposición da veciñanza toda a información necesaria sobre o ingreso mínimo vital. Hoxe os socialistas emiten unha nova comunicación onde denuncian que o Goberno de Nidia Arévalo está presionando aos sindicatos para posicionalos no seu favor, exculpan aos traballadores e sinalan intereses políticos. O Comité de Empresa do Concello xa desmentiu a información.

 

Os socialistas defenden que antes de publicar o seu comunicado "falaron con servizos sociais", onde lle dixeron que non se estaba a conceder ningunha cita para informar sobre o tema, nin se publicara ningunha noticia informando a veciñanza de que podía pasar polas instalacións municipais a solicitar información. Os socialistas queren deixar claro que non pretenden criticar o labor dos funcionarios de servizos sociais, porque entenden que eles cumpren as ordes do goberno. Senten profundamente as presións que poidan estar vivindo as traballadoras e os traballadores, así como os sindicatos, pero din non poder permanecer calados ante esta clara inxustiza por pretender facer unha campaña política baseada no odio e a manipulación.

O Partido Socialista de Mos entende que o departamento de Servizos Sociais necesita máis persoal para poder atender as necesidades da veciñanza, reducindo a lista de espera, e para acometer as súas funcións dunha forma máis cómoda. Por isto, solicitaron que un aumento do persoal de dúas persoas do plan de emprego da Deputación de Pontevedra e así aliviar o gran labor diario que levan a cabo. Esta solicitude foi rexeitada dende o concello.

A voceira socialista, Victoria Alonso, convida a rexedora local a que abandone esta postura de confrontación; que informe a veciñanza de que poden pasar polo Concello para resolver as dúbidas en canto o ingreso mínimo vital e insisten en que os traballadores e sindicatos non deben ser utilizados para facer campañas políticas. Alonso recoméndalle que non faga máis usos partidistas da institución municipal e que se centre en xestionala da mellor forma posible.

Por outra banda, o departamento de Prensa do Concello de Mos emitiu o seu propio comunicado desmentindo a información. Asegura que o Comité de Empresa do Concello rexeita a veracidade das acusacións e que os usuarios dos Servizos Sociais son informados e asesorados sobre calquera asunto que precisen.