Mos presenta a primeira edición enteiramente dixital da Festa da Rosa

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O pregoeiro deste ano é un veciño de Pereiras cun papel excepcional durante a presente crise sanitaria do COVID-19: Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. As atividades contarán coa participación de numerosos artistas e agrupacións, e incluirán un concurso infantil de videos.

 

O Concello de Mos presentou a que desde o Concello definen como ‘A Nosa Festa’: a Festa da Rosa do Concello de Mos, declarada de Interese Turístico de Galicia. Nesta ocasión, dadas as circunstancias excepcionais que estamos a vivir como consecuencia da crise sanitaria do COVID-19, a Festa da Rosa 2020 contará cunha programación íntegramente dixital, a través das redes sociais municipais. Contará coa participación de numerosos artistas, músicos, colectivos, asociacións culturais e veciñais e clubes deportivos que colaborarán coas súas intervencións on line no programa festivo. En total, suman preto de 500 persoas de distintos colectivos as que participan este ano nas festas.

A Festa da Rosa 2020 nas redes contará con programación do 6 ao 21 de xuño. Os actos dixitais comezarán o 6 de xuño porque é o día que remata o loito nacional decretado en honra e memoria das víctimas do COVID-19. A programación en redes da Rosa 2020 incluirá todos os días de luns a venres: saúdas, participación das asociacións, vídeos, actuacións musicais, obradoiros e presentación do concurso de vídeos de rosas.

O sábado 6 de xuño haberá un obradoiro on line de empanada de pan de millo e publicarase un vídeo do Torneo de Patinaxe Rosaleira. O domingo 7 publicarase un vídeo sobre o torneo de fútbol “Memorial Juan Estévez, Nené” (no que aparecerán o Club Louro Tameiga, a U.D. Mos, e o Alerta Club de Fútbol) e outro vídeo do Abrente Folk. O venres 12 haberá un saúda da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña e presentarase o vídeo oficial promocional da Festa da Rosa 2020.

O propio ‘Día da Rosa’, o sábado 13 de xuño, ás 12.00 horas, retransmitirase en directo en streaming a través da páxina de Facebook do Concello de Mos o pregón a cargo de Ángel Pichel, Xefe de Urxencias do Hospital A. Cunqueiro. Tamén se contará ese día cun vídeo da actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso, un saúda e outro vídeo da actuación de Andrea Pousa.

O domingo 14 haberá tamén unha actuación infantil a cargo de María Fumaça. O sábado 20 celebrarase a Xuntanza Virtual de Palilleir@s (a cargo da Asociación de Palilleir@s de Mos). E o domingo, día 21 publicarase vídeos do Festival de Corais de Asomamos, Memorial Constante Lago, e das Escolas de Patinaxe de Mos. Ese día realizarase tamén o fallo do concurso de rosas e pecharase a programación festiva coa gran Uxía Senlle.

O Concello tamén convoca un ‘concurso infantil de vídeos das vosas rosas’, que consistirá en que os participantes enviarán por correo electrónico os seus vídeos para potenciar a creatividade e sobre todo fomentar a imaxinación dos pequenos mosenses, enfocado exclusivamente para o público con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos. 

A presentación do vídeo poderá ser en galego ou en castelán. Presentaranos  a través do vídeo as roseiras dos seus xardíns ou cerramentos. A duración máxima do vídeo será dun máximo de tres minutos. En relación ao tema, convídase aos pequenos a engadir tamén unhas verbas relacionadas coa roseira que nos presenta, como pode ser unha descrición. Pódese engadir un desexo ou unha mensaxe de ánimo facendo referencia a esta situación. Pídese tamén que dedique o vídeo a un maior do seu contorno (que tamén pode aparecer no vídeo) e que pode ser un avó, unha avoa, un veciño ou amigo da familia, como heroes desta pandemia. Xunto no correo electrónico débese facer constar nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptará un vídeo por persoa. As rosas deberán ser cultivadas nas leiras dos participantes ou da súa familia.

Publicaranse nas redes todos os vídeos enviados ata o xoves 18 de xuño. As obras deberán ser remitidas por mail ao nderezo: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Todas as obras recibidas serán publicadas e poderanse visitar no Facebook do Concello de Mos, onde permanecerán expostas para uso e desfrute de toda veciñanza. Establécense tres premios iguais: set de xardinaría para o cultivador e maillot oficial de Mos de La Vuelta 2020 co seu nome para o nen@. O xurado estará formado por dous profesionais do sector da xardinería-floristería, un representante dos centros educativos (director/a CEIP) e unha representante dos centros de eduación infantil de Mos (directora A Galiña Azul) e un/unha traballador/a do Concello (secretario/a do xurado).