O Pontellas xa está camiño a Navarra cara as eliminatorias da Copa do Rei

O "Tellas" emprendía viaxe esta maña para enfrontarse ao Tolosa C.F. este mércores

 

 

A plantilla do CD Pontellas partía cara a Tolosa ás 10.30 h en autobús, onde mañá mércores confía en seguir facendo historia. O equipo da parroquia porriñesa que conta con 2.000 veciñ@s, xogará a eliminatoria previa da Copa do Rei.

Este ano a Real Federación Española de Fútbol, como agasallo ao ascenso a Terceira División dos equipos campeóns dos seus respectivos grupos de Rexional Preferente, convidounos a estas eliminatorias .

No caso de superar esta previa en terras vascas, o  C.D. Pontellas tería na seguinte ronda un emparellamento cun equipo de Primeira División –agás os catro que están a xogar na Champions League-.

A presidenta do club local, Marta Costas tiña solicitado nunha reunión recente coa alcaldesa e co concelleiro de Deportes axuda económica e loxística do Concello debido ós gastos extraordinarios que lle supón a este modesto club recén ascendido a terceira, afrontar a súa histórica participación na Copa do Rei.

Hai una semana, David Alonso, concelleiro de Deportes informou de que o goberno municipal porriñés acordou achegar  4.000 € ó C.D. Pontellas; unha aportación especial a maiores, da subvención anual que o Concello de O Porriño ten conveniada con C. D. Pontellas, para sufragar os gastos desta cita deportiva.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Deportes, David Alonso acudiron ao campo de San Campio, lugar de reunión e partida da expedición, para desexar  de primeira man sorte e ánimo aos xogadores, cadro técnico e directiva do C.D. Pontellas.

Eva García díxolles "desfrotade do momento histórico que estades a vivir que xa ninguén vai quitarvos”.