O vindeiro domingo Mos celebrará a XXII Festa do Codillo 

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A organización estima que se repartirán máis de 3 Toneladas de producto

O sábado terá lugar  ‘O Codillo Vai de Guateque’  e o concurso de serra de troncos

 

 

O Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos acollía a pasada semana a presentación da XXII Festa do Codillo, que contou coa presenza da presidenta da mesma asociación e organizadora, Juana María Moreno Blanco, así coma a representación municipal encabezada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde, Camilo Augusto, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro. Tamén asistiron a directiva da Fundación Pazo de Mos, da Comunidade de Montes en Man Común de Mos e da Asociación de Veciños Santa Baia; representantes da Deputación de Pontevedra e a pregoeira da festa deste ano, a alpinista mosense integrante da expedición feminina ‘Compromiso por la Tierra’, Verónica Romero.

Dende o ano pasado a Festa do Codillo inclúe unha interesante festa durante programación da víspera do evento gastronómico propiamente dito. Trátase da festa ambientada nas décadas dos anos 60, 70 e 80, titulada ‘O Codillo Vai de Guateque’. Será na contorna do Pazo de Mos o sábado 19 de outubro ás 21.30 h, con sorteo de premios para os asistentes caracterizados da época e animación musical a cargo do DJ-Edi Márquez.

E xa dando continuidade á programación doutros anos, tamén o sábado 19 de outubro, celebrarase o XVII Concurso de serra de troncos con tronzador de man e un magosto popular con queimada.

O domingo 20 de outubro celebrarase na parroquia de Mos a consolidada Festa do Codillo, que este ano chega a súa 22ª edición e contará con Verónica Romero como pregoeira convidada. Na Festa do Codillo de Mos poderase saborear, polo prezo de 12 €, unha receita de codillo de porco ó forno, composta por dúas partes de codillo con arroz branco e chícharos, acompañado dunha salsa cun toque picante e servido todo nun prato de porcelana con garfo e coitelo metálicos, pano de mesa, pan e vaso de viño ou botellín de auga.

A degustación do Codillo será dende ás 11:00 h ata fin de existencias. Dende o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia prevén unha afluencia de asistentes de 5.000 persoas entre as que se repartirán 2.500 kg. de codillo de porco, 500 kg. de arroz, 150 kg. de chícharos, pemento, cebola, allo, etc., 5.000 bolos de pan, e 2.000 botellas de viño.

Coma sempre a programación da festa desenvolverase en dous días. O programa de festas iníciase o sábado 19 de outubro e o propio día da festa (domingo 20 de outubro), ás 10.30 h da mañá abrirase o “VIII mercado de artesanía, gastronomía e produtos da terra” e, de seguido, comezo da degustación do codillo. E ás 12.00 h intervirá a pregoeira Verónica Romero, tras a que chegarán as actuacións do Grupo Airiños do Castelo, Banda de Gaitas e Grupo de Baile do CCD Santa Eulalia, do Grupo de Danzas Alquería, Escola de Folclore de Aranda de Duero, Burgos; e os intermedios estarán amenizados pola charanga Os Charamujas.

A Festa do Codillo xurdiu grazas ó afán da primeira xunta directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia, por buscar novas ideas para ilusionar a todos os veciños e aos socios en particular. Queríase facer un evento no que Mos se convertese nun referente. Pensouse en facer unha festa gastronómica, posto que no Concello de Mos non había ningunha festa importante desas características. 

E así, despois de barallar varias opcións, propúxose o codillo, unha parte do porco que ata ese momento non se enxalzaba en ningunha festa gastronómica de Galicia.

Este evento chegou o 8 de novembro de 1998 baixo a denominación de “1ª Festa do Codillo”, facéndose realidade unha das ideas máis orixinais e importantes que desenvolvería o Círculo. Actualmente é unha festa consolidada que atrae cada ano a milleiros de persoas, converténdose na máis importante destas características do Concello de Mos e unha das máis destacadas da nosa comarca.