O parque móbil municipal do Porriño xa conta con novos vehículos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

En total son 25 utilitarios que se distribúen nos servizos de Vías e Obras e Parques e Xardíns, Deportes, Servizos Sociais, Urbanismo e equipo de Goberno

Os vehículos antigos serán subastados e os que non saian por ese procedemento, serán achatarrados

 

 

Este mediodía realizouse o acto formal de entrega dos novos vehículos do parque móbil municipal ós diferentes servizos do Concello, dentro da operación de renovación que acometeu o goberno local.

No acto, ó que asistiron a concelleira de Seguridade e Fazenda, Lourdes Moure e o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal,  entregáronse 9 furgonetass -Peugeot modelo Rifter, rotuladas e co escudo do Concello do Porriño- para os servizos de Vías e Obras, Parques e Xardíns, Deportes, Servizos Sociais e Urbanismo.

Aínda restan por recibirse e entregar 3 furgóns máis grandes, marca Renault que serán adxudicados ós servizos de Vías e Obras  e Parques e Xardíns.

Con anterioridade entregaronse os 4 vehículos para desprazamentos do goberno municipal -3 Seat Ateca e un Mini- e outros vehículos Peugeot 308 para diferentes departamentos do Concello, ata totalizar os 25 que forman parte desta operación de renovación do parque móvil municipal mediante “renting” por 4 anos.

Segundo se informou hai días, o Concello do Porriño licitou a renovación total do parque móbil do Concello para garantir a seguridade dos vehículos e dos traballadores municipais empregando criterios de eficiencia enerxética e aforro do gasto público. 

Deste xeito determinouse un prego de condicións para renovar o parque móbil con 25 vehículos mediante concurso público, que se iniciou con data 26 de marzo deste ano e rematou en setembro.

Na licitación establecéronse 5 lotes á que se presentaron un total 6 empresas, ningunha delas de O Porriño . Son da provincia de Pontevedra, doutras provincias galegas e tamén había firmas doutras comunidades autónomas. Destas, 4 lotes foron gañados por “Grupi Vazgle”, de Lugo; e o restante pola firma “Rodosa”, de Vigo.

O parque móbil do Concello tiña unha media de 15 anos, pero hai vehículos que superan as dúas décadas de antigüidade. Especialmente o que atinxe os vehículos adscritos ó departamento de Vías e Obras que “teñen unha idade media de 25 anos cun evidente mal estado e obsolescencia”, segundo un dos informes técnicos recabados polo goberno municipal.

A meirande parte dos vehículos antigos serán subastados e os que non saian por ese procedemento, serán achatarrados.