Clausura do Obradoiro de Emprego "Mos Rehabilita" no que participaron 20 desempregados

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A Administración autonómica destinou a este taller, especializado en fabricación mecánica e albanelaría con novos materiais, preto de 280.000 euros

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros que benefician a 250 desempregados

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, desprazouse ata a Axencia de Colocación do municipio para felicitar aos alumnos que completaron a súa formación 

   

 

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Patronato Municipal Beiramar para felicitar aos alumnos que completaron a súa formación no Mos Rehabilita, o obradoiro de emprego promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

O Goberno galego destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados nas especialidades de fabricación mecánica e albanelaría con novos materiais, preto de 280.000 euros.

Estes obradoiros, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

O representante autonómico, que acudiu acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, recordou que, no que atinxe á área territorial de Vigo, puxéronse en marcha 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O obxectivo destes últimos, indicou, é o de “seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica”. Á posta en marcha destes 14 talleres, nos que participan 250 desempregados, a Administración autonómica dedica máis de 4,2 millóns de euros.

Por último, López-Chaves subliñou que os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

A Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano (un 50% máis que na anterior) para a posta en marcha dunha nova iniciativa para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas: os obradoiros duais de emprego que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.

Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que poderán concorrer ás mesmas non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. 

Escribir un comentario
PorriñoDigital. es recuerda: Será declinada toda responsabilidad derivada de las afirmaciones realizadas por sus usuarios. La sola publicación de comentarios en las noticias implica la aceptación de esta condición. Se ruega moderen el tono de sus afirmaciones en aras a mantener un talante dialogante y educado.


PorriñoDigital.es nace como un proyecto de jóvenes emprendedores porriñeses con ganas de dotar a nuestra villa de un espacio de comunicación local.
Tú eres parte de nuestro proyecto, trabajamos para tí.

Secciones

Redes Sociales

Suscríbete